Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión pseudónimo

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O orgullo de sermos galegos

jueves, 11 de marzo de 2010
Hai uns días que a prensa escrita publicou un anuncio publicitario de “Aguas de Mondariz”. Chamou moito a atención a súa mensaxe. Porque desta volta, a intención da marca non era convencernos das moitas bondades da súa auga, que as ten, para a saúde dos consumidores. A mensaxe que espallaron foi outra ben distinta: proclamar o orgullo de seren galegos na única acepción que ten a palabra, sen perversas reviravoltas. A oportunidade escollida para a súa publicación coincide coa agresión que o noso patrimonio cultural está a sufrir dun tempo a esta parte.

A empresa mondarizana recupera deste xeito o espírito que lle dera no primeiro terzo do século pasado a familia Peinador, nomeadamente Enrique Peinador Lines, o “Cónsul do romanticismo” como o chamara Xoán Carballeira. Entón, coma hoxe, a cultura galega tiña inimigos que tentaban desprestixiala e coutala. Ante aqueles desaforados ataques, Enrique Peinador, manifestaba nunha entrevista que lle facían en xullo de 1934 no xornal vasco “El Día”: “o galeguismo malia os inimigos que aínda ten a súa doutrina, inspira como falanxe intelectual o respeto dos máis encarnizados inimigos”. Tal coma hoxe; pasou o tempo pero perviven o autoodio e os inimigos da nosa cultura. Por iso é de louvar a actitude da dirección actual de “Aguas de Mondariz” publicando ese anuncio que estamos a comentar na defensa da nosa identidade.

“Aguas de Mondariz” súmase ao ronsel de empresas que en Galicia están incorporando a lingua galega ás súas actividades, na etiquetaxe e publicidade, nomeadamente, como están a facer as cento setenta adegas galegas que xa rotulan os seus envases na nosa lingua. O seu exemplo racha con tódolas argalladas e prexuízos lingüísticos que manifestan algúns; argumentan que a lingua galega é unha limitación para poderen colocar os seus produtos nos mercados internacionais. A realidade é outra ben desemellante: nos mellores restaurantes de París, Xapón, Londres, New York ou Sidney podemos atopar viño etiquetado no noso idioma onde gozan de enorme prestixio pola súa calidade. O mesmo estáno a facer moitas empresas de produtos agroalimentarios.

Dicía recentemente Ferrán Adriá, o reputado cociñeiro catalán, que Galicia ten os mellores produtos, pero que os galegos non sabemos vendelos. ¡Canta razón ten! Non somos quen de manifestarmos con orixinalidade e con orgullo de pertenza a unha terra con acusada personalidade de seu. Moitos empresarios aínda seguen a ocultar ou menosprezaren a lingua galega, un dos sinais máis preclaros da nosa identidade, na que se escribíu a mellor lírica medieval tan admirada polos paises cultos do mundo.

O Foro E. Peinador, que vén traballando arreo pola galeguización da nosa economía, está a constatar a permeabilidade dun amplo sector do empresariado ao discurso da galeguidade, feito que os consumidores deben apoiar. Sobre todo esa franxa social máis sensible ao feito diferencial galego. A eles, ás institucións públicas e entidades privadas -partidos, sindicados, asociacións culturais, etc…- que os representan, diriximos o noso chamamento apelando á responsabilidade de todos para que presten o apoio que lle cómpre a este proceso de reencontro entre a empresa e a lingua. E para que isto aconteza é preciso que os consumidores fagan uso responsable do principio de “a igual calidade, preferenza polos produtos etiquetados en galego”.Eis o reto. A regaleguización de Galicia é un obxectivo no que os fabricantes e os consumidores débense apoiar recíprocamente.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD  
PORTALES  
SERVICIOS  
ENLACES  

RSS Válido

HTML Válido

CSS Válido

Add to Technorati Favorites

AGENDA
Agenda de Galicia Digital
BUSCADOR


Editorial

Sentencias salomónicas: Sempre son difíciles de contentar as partes nunha sentencia que se pretende ...
  • Agenda de actos.
  • Teléfonos de interés.
  • Crea tu agenda.
PATROCINIO
Diputación de Lugo
Diputación de Ourense
PUBLICIDAD
WEBS DE GALICIA
Promoci�n Webs
FOTOGRAFÍA
Certame Muralla
PUBLICIDAD
Deputación de Lugo
PUBLICIDAD
Rueda Rueda
PUBLICACIONES
Publicaciones
Ranking Alexa
Revista Egap
ALEXA
Para navegar más eficazmente:
Alexa
más información